Sunday 28 de April de 2024

Un Festival de Cultura Urbana na Praza do Concello servirá o 25-N para reivindicar a Loita contra a Violencia de Xénero


OS ACTOS CONMEMORATIVOS CONTINUARÁN OS DÍAS 29 DE NOVEMBRO E 10 DE DECEMBRO CON DÚAS ACTUACIÓNS TEATRAIS

Co obxecto de conmemorar o Día da Violencia de Xénero o Concello de Riveira vén de deseñar un completo paquete de actividades dirixidas a sensibilizar sobre esta problemática e que está enfocadas tanto ao público en xeral como moi especialmente ao de ámbito escolar de todas as idades.

Así o manifestaron a concelleira de Servizos Sociais, Esther Patiño, e a directora do CIM, Dolores Crujeiros, durante a presentación destas accións que –resaltaron- que están incluídas no Plan de Coeducación e cofinanciadas pola Deputación da Coruña.

Oito obradoiros
Así, o vindeiro día 25 a praza do Concello será escenario ao longo da mañá e da tarde (de 10 a 20 horas, aproximadamente) dun Festival de Cultura urbana contra a Violencia de Xénero que est´ça dirixido ao alumnado de Secundaria do municipio. Así, alí terán lugar oito obradoiros de hora e media cada un con temática diversa pero sempre vinculada ao tratamento da igualdade e en contra da violencia machista. Os talleres versarán sobre breakdance, turntablism DJ, beatbox, personalización de gorras trucker, graffiti, parkour, rap e skateboard.

Tamén este venres 25 vanse situar dúas mesas informativas de 10 a 13.30 horas, unha fronte ao Consistorio municipal e a outra na rúa de Galicia á altura do edificio da antiga casa de aforro. Ademais de expoñer ao público diverso material, psicóloga do CIM irá alternando entre ambas para atender aos veciños interesados en afondar sobre esta problemática.

As actividades non rematarán aquí, senón que o vindeiro día 29 o Auditorio dará cabida a unha representación teatral sobre empoderamento feminino. Trátase de “Pementeiras”. Terá lugar ás 12 do mediodía e está dirixida a alumnado dos institutos Leliadoura, Número 1 e CIFP Coroso e a asociación Ambar. Posteriormente haberá un coloquio para reflexionar sobre o contido da función.

E o 10 de decembro o Auditorio dará cabida ás 19 horas a uha actuación teatral infantil á que poderán acudir todos os nenos que así o desexen xunto coas súas familias. A obra a interpretar será “Roedores”, unha fábula con música en directo que tratará de concienciar en valores como a fomento da igualdade a través dos seus personaxes protagonistas.

Outras accións
Así mesmo, canalizadas a través do CIM estanse a levar a cabo outras actividades sobre esta temática. Tal e o caso do obradoiro “Axendas pola igualdade” dirixido a 6º de Primaria, que se porá en marcha esta semana e xirará por distintos centros constando de 4 sesións de 100 minutos. E tamén “Conto contigo”, obradoiro creativo e artístico que estará centralizado no CEP de Carreira.

Por último, Esther Patiño e Dolores Crujeiras lembraron que o Concello está inmerso na redacción do terceiro Plan de Igualdade para definir as políticas a implementar ata o ano 2020.